Pequenos detalles: a zona de carga e descarga

A Praza de Abastos é un dos núcleos principais no referido ao pequeno comercio da nosa vila. O apoio a este sector pasa por impulsar a actividade e facilitar na medida do posible as tarefas propias tanto dos/das praceiros/as (así como dos seus provedores) como dos/das clientes que se achegan ata un lugar tan emblemático en Cuntis como é este. Este luns Veciñanza rexistrou unha solicitude para que se habilite debidamente esta zona na praza da nosa vila.

Debido ás características da actividade comercial que nestes momentos se desenvolve na Praza, unha das principais garantías coas que debe contar é un acceso adecuado para as operacións de carga e descarga que precise cada posto dos habilitados. Nestes momentos, unha das principais deficiencias que presenta este espazo é precisamente a carencia dunha zona específica para este efecto o suficientemente próxima aos accesos ao inmoble. Cómpre recordar que a actividade que nestes momentos rexistra a Praza de Abastos ten relación coa alimentación, polo que facilitarlle a cada posto as condicións para o cumprimento das garantías sanitarias é responsabilidade da administración local.

As operacións de carga e descarga deben poder realizarse nunha zona debidamente habilitada e sinalada para tal efecto, que cumpra o requisito de proximidade razoable para o cumprimento estrito de todas as garantías que require a actividade comercial da Praza de Abastos.

Share

Tamén pode gustarche...